Reflexions


Reflexións e homenaxe.

Por: Francisco Piñeiro


É xusto homenaxea-lo esforzo altruísta que tantos grupos de teatro afeccionado levan feito no eido da animación socio cultural galega , ós promotores e organizadores das mostras, ciclos, ect, pero cando o traballo comeza en Setembro e remata en Abril do ano seguinte, atizándolle cada domingo e mantendo o lume aceso nove anos como ocorre nos Domingos a Escena de Caranza hai que quitarse o sombreiro diante do capitán, Yuyi Bastida, e de toda a súa tripulación , intendencia e apoio loxístico para felicitalos , admiralos e aprender deles. É obrigado; por tenacidade, por respecto ó traballo ben feito e sobor de todo porque eu, que levo case trinta anos no mundiño do teatro, sei o leite que dá.

Estas cousas dan que pensar. Convidan a reflexionar. Por que seguimos a ser sempre os mesmos os que tiramos do carro? Por que as páxinas da cultura aparecen nos xornais despois das esquelas? Por que cando xa pasaron máis de cento vintecinco anos da primeira obra escrita en galego aínda existen intereses en que o teatro amador non sobrepase os límites do "doméstico"?...


Estas e outras reflexións foron expostas por este humilde artesán do teatro nunha conferencia na Universidade de Santiago e permítome a licenza de resumilas e traelas a este foro coa boa intención de que espertar conciencias , compartir esforzos , pois aínda opinando distinto, o teatro é asunto de todos.

Poden quedar tranquilos porque eu non son un teórico do teatro. Nin vou impartir unha lección maxistral nin ler unha tese doutoral .Tamén lles debo advertir que as miñas opinións non sempre coinciden coa dos "entendidos" do mundo do teatro , aspecto que comprendo porque eu son da rama das Ciencias; explico Matemáticas, Física e Química polo que , a parte de ser un intruso, teño una visión pragmática e singular do mundo escénico a quen comparo cunha montaña, cuxa base é o pobo que o soporta todo, agás un aspecto: a manipulación do teatro para fins propagandísticos.

No cumio, os profesionais, nas abas os "amateurs"; dous submundos complementarios. Nin o de arriba se sotén sen o de abaixo, pois vaille creando público, nin o de abaixo deixa de admirar o de arriba. O profesional utiliza ó teatro como un fin, realiza obras de excelente factura, logran coroa-la cima e como esforzados alpinistas merecen tódalas loubanzas dos medios mais a masa popular , en xeral, quédase indiferente ante tales fazañas . Por que?

O teatro afeccionado mais ou menos "standarizado" ,sementando sen ningunha axuda , de cando en vez recibe algún adxectivo consolador, unha palmadiña nas costas, e aínda máis abaixo, estamo-las toupas ,os que seguimos alimentándonos das raíces esenciais do pobo galego: a retranca e a filosofía popular.

Para min, o teatro popular consiste nunha radiografía dos recursos expresivos do pobo. Afirmaba o Marqués de Sargadelos que : "se aproveitamos os nosos recursos naturais, lles
damos formas artísticas aumentamos o seu valor e impedimos que as nosas riquezas as exploten empresas alleas". Aplicando este principio no eido dos bens inmateriais ,convencidos de que non todo o fóraneo é bo nin todo o noso é malo ,podemos adapta-lo tradicional ós novos tempos para non deixar de ser moderno.

A materia prima témola; está no mesmo pobo. O teatro popular é unha semente de ida e volta. O pobo é o soberano, el decide , elixe o que conecta coa súa forma de sentir. Pouco lle importan as opinións dos críticos, "xinecólogos que buscan traballlo
onde outros atopan pracer".

O traballo dos que escribimos teatro ou subimos ó escenario consiste en eleva-lo sinxelo á categoría de sublime, transforma-la vida en arte de vivir, algo que facía Castelao con "catro raias". Nesta arte de vivir o teatro é unha necesidade básica : "Por moi mal que che vai na vida asubía e canta tamén , así os amigos alégranse e ós inimigos fódelles ben" - me aconsellou un ancián,catedrático sen escola, temeroso dos adxectivos e das etiquetas , porque todo o que non se come pode afundir ou matar as ideas e os homes.

O teatro na actualidade sofre moitos problemas que non se arranxan con subvencións , nin dicindo que a sociedade non ten hábitos teatrais, etc, etc. Non seremos nós mesmos os que provocamo-los problemas? Non será que escribimos e representamos para autodeleitar a un círculo selecto e concreto? Na actualidade Helder Costa , creador da Barraca de Lisboa e do Teatro Operario de París, leva vintecinco anos facendo rir e reflexionar con temas socialmente comprometidos pero chega a afirmar que " a cultura popular é sistemáticamente esmagada polo intelectual". Nin ser popular é ser populista nin ser culto é ser elitista.

O noso admirado Manuel Lourenzo tamén nos advirte: un dos perigos meirandes do teatro é tinguilo de política.

A conclusión vén a ser que non é problema de medios senón de actitudes. Sigamos o exemplo dos Domingos a Escena, en Caranza onde o público o merece todo e fainos soñar coas orixes escénicas, co século V a.C., na época de Pericles , onde as funcións comezaban á saída do Sol e remataban ó anoitecer e ós pobres pagábaselles a entrada con cargo ós fondos públicos .E hoxe din que se o espectáculo é de balde non é digno!. Coma se a dinidade cotizase en nómina!

Devolvámoslle ó pobo o que é del :"todo o que conecte co público nin é farsa , nin é vulgar"- dixo Blanco Amor. O teatro non é de catro, é o lume que o pobo garda na alma, por iso así lle fala :

Xa que eres meu fillo, teatro,

regálame outra velada,

porque te levo no sangue,

dentro das miñas entrañas

.

E o que non o crea que vaia un domingo a Caranza.