O teatro prende ou non prende, pero non o fai ó chou, en terreos ermos, sen abono, sen coidados ou aloumiños pois nin é semente de airío nin medra entre os croios do río. Os que levamos moitos anos sachando nos eidos teatrais sabemos que de non conseguir unha fertilización rica en conexión co público e unha transmisión de valores coincidentes cos intereses da maioría dos asistentes o fracaso de calquera mostra está asegurado. Os Domingos a Escena, ademais de prenderen dez anos seguidos, botaron flor, dez flores xenuínas, auténticas e singulares cun arrecendo esparexido por toda Galiza para alimento anímico, bandeira e símbolo anunciador de que o teatro afeccionado tamén ten o seu santuario: Caranza.
Alí, cada Domingo dende setembro a Abril do ano seguinte, os actores e actrices deixan no escenario os seus mellores esforzos dramáticos para ser repartidos entre un público apaixoado .O espectáculo comeza por observar como se lanza o público, ás carreiras, para poder ocupar as butacas no intre en que se abren as portas da sala; resulta tan emocionante como presenciar un reencontro entre amantes necesitados de se abrazar.
Estas eran as palabras de Francisco Piñeiro no X Ciclo de Domingos a Escena.
Despois de 12 anos en Caranza, cumprindo tódolos domingos, e facendo que os “Domingos a Escena”, foran a mais cada ano, cousa que iamos conseguindo pouco a pouco, chega a hora de deixar a organización por mandato do Sr. Concellal de Cultura, e pasar o testigo a outro grupo.
Unha vez mais, unhas Entidades Culturais de Ferrol, neste caso os Grupos de Teatro Afeccionado, vémonos obrigados a convocar unha Roda de Prensa para denunciar a intransixencia e falta de diálogo do Concellal de Cultura de Ferrol, co cambio que pretende dar á organización do Ciclo de Teatro Afeccionado "Domingos a Escena".
O Concellal, dunha forma unilateral e arbitraria e sen contar co colectivo de Grupos de Teatro Afeccionado de Ferrol, encárgalle a coordinación do Ciclo 2012-2013 ao grupo Ti e mais eu Teatro, que non ten boa relación con ningún do resto dos grupos, e cuias Bases non son válidas para cumprir os obxectivos que estaban marcados dende o primeiro Ciclo:
- Participación de todos os grupos de Ferrol
- Apoio aos grupos do resto de Ferrolterra
- E aproveitando o Circuíto Cultural da Deputación da Coruña e dos Ciclos organizados pola FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) patrocinados pola Xunta de Galicia, enriquecer a programación coas mellores propostas do resto da Provincia e da comunidade galega.
Os grupos de teatro, abaixo asinantes, despois de varias reunións, acordamos o seguinte:
1.- Facer un chamamento á Concellaría para que reconsidere a súa decisión.
2.- No caso de que esa decisión non se reconsidere, estes grupos de teatro, acordaron por unanimidade, non participar non vindeiro ciclo de Domingos a Escena.
3.- Solicitar, novamente, unha entrevista co Alcalde (hai mais dun mes que se lle solicitou e non tivemos resposta) para transmitirlle as nosas inquedanzas.
4.- Estamos convencidos que estes cambios na organización poñen en peligro a continuidade, no futuro, do Ciclo de Teatro “Domingos a Escena” que dende hai 12 anos ben funcionando con un grande éxito de público e un recoñecemento, por parte de todos os grupos participantes, como o ciclo de teatro afeccionado mais importante de Galicia.
Grupos asinantes:
MAX Teatro, BARTOLETA Teatro, OQUETIQUEIRAS Teatro, TREMOIA Teatro, Teatro N+1, CRUCÍA Teatro, O MAXOLO Teatro, Teatro AMISTADE e Teatro ASCM.
Ferrol a, 11 de Xullo de 2012